Hoxe dedicamos o noso post á gran dama da literatura galega, Rosalía de Castro. Unha muller extraordinaria que nos demostrou o valor da sensibilidade. Con motivo do seu 185 aniversario acercámonos á figura desta valente muller, rostro visible da lingua galega, e por que non dicilo, musa de Animosa.
Seguro que lembras que foi o rostro que aparecía no billete de 500 pesetas ou liches que un avión leva o seu nome. Mais… Coñeces de onde xorden os rumores da súa inimizade con Emilia Pardo Bazán? Ou que pasou coa súa obra sen publicar? Son datos que che desvelamos nestas 10 curiosidades que quizais non coñecías de Rosalía de Castro.
1. Escribiu o primeiro manifesto feminista en Galicia.
Pouco antes de casar, a Rosalía de vinte anos publicaba «Lierders», deixando por escrito pró seu futuro marido a súa intención de seguir sendo libre aínda que fora esposa. Escoitaches Murgía! Coa de Padrón non se xoga! Este manifesto serviu de inspiración ao equipo de Animosa pra deseñar a colección de papelería 2021.
Mais esta non foi a única vez que Rosalía expresou os seus valores feministas. Ao longo das súas obras podemos atopar extractos que dan boa fe do seu ideario.
2. Foi exemplo de sororidade
O feminismo en Rosalía non era só teórico, reclamaba o seu espazo e apoiaba as iniciativas de mulleres que coma ela, eran precursoras. Este é o caso da fotografía máis antiga conservada que temos dela. A instantánea foi tomada por María C. Cardarelly, a primeira muller en abrir un estudo de fotografía en Galicia.
Rápida estivo Rosalía en ser das primeiras en deixarse retratar. Non sabía a fotógrafa que esta instantánea estaba asegurando que o seu nome fose recordado no tempo, ao se converter tras a desaparición do estudo nunha das poucas probas da súa existencia.
3. Actriz amateur
A imaxe que durante décadas se quixo promover de Rosalía non reflicte con exactitude o carácter da nosa escritora. O seu temperamento romántico non a limitaba á poesía. De feito, subiuse ao escenario en varias ocasións pra gozo dos presentes.
Á moza Rosalía encantáballe a atmosfera bohemia que lle proporcionaba o teatro e aborrecía as obras costumistas baseadas en reproducir estereotipos sobre as xentes do pobo, ideas contra as que logo loitaría na súa poesía.
4. Unha artista multidisciplinar
Dende nena recibiu clases de pintura, unha afección que soubo transmitir aos seus fillos. Como no caso de Alexandra, a súa primoxénita, que chegou a postularse como restauradora do Museo do Prado; ou Ovidio, o irmán menor, recoñecido pintor.
Das entrevistas que conservamos nas que se lles preguntaba pola súa nai, os fillos coincidían con cariño en recordala tocando a guitarra. Isto non nos ha de sorprender se pensamos na gran musicalidade dos seus versos. Recordamos a Luz Casal cantando Negra Sombra na última Gala dos Goya ou a versión tecno da viguesa Sila Lúa sobre o poema De Balde.
5. Escribiu os seus primeiros versos aos 12 anos
Rosalía escribe o seu primeiro poema nun momento moi especial da súa vida. A cativa de 12 anos deixaba o pobo onde medrou pra mudarse coa súa nai a Santiago de Compostela. Compre recordar que Rosalía criárase coas súas tías paternas sen moito contacto cos seus proxenitores. Aqueles anos de convivencia coa súa nai serviron pra construír unha relación mutua de cariño que quedou plasmada en numerosos poemas.
6. Unha muller galega na capital
Rosalía viviu en Madrid, máis concretamente no barrio de Malasaña, e sería nesa mesma cidade onde publicaría a súa primeira obra «La Flor». Madrid supuxo ademais a oportunidade de contactar coa esfera intelectual da cidade, entre os que se encontraba Gustabo Adolfo Béquer. Quen puidera ter presenciado esas conversas!
7. A inimizade non probada con Emilia Pardo Bazán
Se repasamos a biografía de Rosalía de Castro non atoparemos proba algunha da suposta inimizade entre as dúas escritoras galegas. Certo é que as distintas orixes , e, sobretodo a historia persoal, marcara destacadas diferencias entre ambas mulleres, máis a idea dun enfrontamento non nace de ningunha delas. As voces din que esta lenda podería vir do marido de Rosalía. É aquí a importancia da sororidade pra recoñecer que hai máis cousas que nos unen que as que nos intentan separar.
8. Estabamos a celebrar o seu aniversario nun día equivocado
Recentemente atopouse a acta matrimonial do casamento de Rosalía de Castro con Manuel Murgía, no que se pode ler que o día de nacemento da poetisa foi o 23 de febreiro. Un día menos do pensado ata o momento. A necesidade de descubrir novos datos sobre a escritora é a proba de que Rosalía segue de actualidade.
9. Antes de morrer mandou queimar a sua obra
Os anos de loita pola igualdade e o seu esforzo por recuperar a nosa lingua, por entón deostada, pasaron factura a unha xa enferma Rosalía. Aproveitando a ausencia do marido mandou ás fillas queimar os seus manuscritos, desaparecendo así tódalas obras non publicadas. Este é un bo momento pra lembrar que debemos recoñecer o valor das persoas e facerllo saber.
10. A súa flor favorita era o pensamento de cor malva.
Coma non podería ser doutro xeito, a flor favorita de Rosalía era o pensamento malva. Cor asociada á sabedoría e á creatividade. Polo que adoitaba facerse vestidos e abrigos desta cor. Tal e como foi representada no noso Marcapáxinas Rosalía Celta.
Rosalía converteuse nunha figura insubstituíble da literatura, sobre todo, galega. Dando o primeiro paso, do que logo acadaríamos en chamar Rexurdimento. Cóntanos, que curiosidade che sorprendeu máis? Coñeces algún outro dato que queiras compartir connosco?
Con Rosalía de Castro en el pensamiento A guitarra inglesa de Rosalía de Castro Un documento inédito demostra que Rosalía naceu o 23 de febreiro, non o 24