Día das Letras Galegas: 17 escritoras galegas e un libro para descubrilas

Mañá é o Día das Letras Galegas, unha festividade que comezou a celebrarse en 1963 para homenaxear aos escritores máis destacados na nosa lingua. Nestas 57 edicións da festa das letras, só catro mulleres contaron co seu día. Por iso, desde Animosa, queremos lembrar a 17 escritoras galegas que paga moito a pena ler. Elas son as nosas voces.

Escritoras galegas

Rosalía de Castro

O noso máis grande símbolo. A muller que deu orixe ao Día das Letras Galegas, no centenario da publicación de Cantares gallegos. Rosalía foi unha das figuras claves do Rexurdimento galego. Coa súa poesía chea de nostalxia, de emoción. Coa súa mirada aos máis desfavorecidos: os emigrantes, os labregos, as mulleres. Hoxe é un bo día para comezar cunha das súas obras cume: Cantares gallegos.

Escritoras galegas: Rosalía de Castro, Cantares Gallegos

Fina Casalderrey

Profesora, escritora, periodista e membro da RAG, a de Fina Casalderrey é unha das más salientables voces da literatura infantil e xuvenil en galego. Cunha obra prolífica e numerosos premios recibidos, podemos adentrarnos na súa narrativa con O estanque dos parrulos pobres, que foi premio Edebé en 1995.

Escritoras galegas: Fina Casalderrey, O estanque dos parrulos pobres

Filomena Dato

O nome de Filomena Dato é un imprescindible se pensamos no feminismo galego. Inxustamente esquecida por moitos, foi a segunda muller, tras Rosalía, en publicar un libro en galego. E é herdeira tamén da súa liña de lírica intimista. E da reivindicación da muller nuns tempos difíciles. Unha das escritoras galegas imprescindibles. O seu único libro en galego, Follatos, é un exemplo perfecto do Romanticismo do século XIX. Corenta e cinco poemas contra os estereotipos de xénero publicado por primeira vez en 1891.

Escritoras galegas: Follatos, Filomena Dato

Marina Mayoral

Catedrática xubilada de Literatura Española, Marina Mayoral é unha das principais estudosas sobre as voces femininas na literatura. As súas obras foron traducidas a varios idiomas. Destacan na súa prosa o humor, a análise psicolóxica dos personaxes e o xogo de perspectivas. Podemos coñecela lendo O anxo de Eva, a súa última novela publicada en galego.

Escritoras galegas: O anxo de Eva, Marina Mayoral

Francisca Herrera

Francisca Herrera foi a primeira muller elixida membro da RAG (aínda que non chegou a tomar posesión). E tamén a segunda das escritoras galegas, tras Rosalía, en ser homenaxeada no Día das Letras Galegas. Admiradora de Rosalía e amiga de Murguía, escribiu poesía e prosa. Para os amantes da lírica, o ideal é comezar polo seu primeiro poemario, Sorrisas e bágoas. E se preferimos a novela, Néveda pode ser a obra perfecta para coñecela (e recoñecela). O único malo: haberá que buscar en bibliotecas, porque actualmente está descatalogada en librarías.

Escritoras galegas: Néveda, Francisca Herrera

Luz Pozo Garza

Voz fundamental da poesía galega do século XX (e XXI). O amor, a inquedanza, a liberdade, a patria… son temas que a autora expón na súa prolífica obra. Os seus poemas son beleza no máis estricto senso da palabra. Son sensualidade e reflexión. A mellor noticia é que segue en activo. Aos 96 anos, ven de publicar Pazo de Tor, onde explora as orixes da súa familia.

Escritoras galegas: Pazo de Tor, Luz Pozo Garza

María Xosé Queizán

Voz fundamental do movemento feminista, María Xosé Queizán é tamén unha das escritoras galegas que debemos ter en conta. Catedrática de lingua e literatura galega, na súa obra toca todos os xéneros. Teatro, novela, conto, ensaio e poesía. É difícil non atopar na súa produción un texto que nos emocione ou nos represente. Nós eliximos Son noxento, un espléndido monólogo interior cheo de crítica social e feminista.

Escritoras galegas: Son noxento, María Xosé Queizán

María Mariño

Ela foi a terceira muller á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas (en 2007). Na súa poesía recolle a tradición oral e o vivido ao longo da súa vida. A emigración, que a levou lonxe de Galicia. A visión da súa terra natal de Noia, evocada desde a súa residencia no Courel. Só publicou dous poemarios, Palabra no tempo e Verba que comeza (póstumo). Pódense ler de forma conxunta na súa Obra completa.

Escritoras galegas: Obra completa, María Mariño

Xohana Torres

Defensora do galego nos difíciles anos do franquismo, Xohana Torres chegou a ser a directora do primeiro programa de radio integramente na nosa lingua. Membro, como poeta, da chamada Xeración das Festas Minervais. Só escribiu unha novela, que é xusto a obra pola que é ideal comezar a lela: Adiós María. Publicada por vez primeira en 1971, é un pracer adentrarse na psicoloxía dos seus personaxes mentres nos achegamos á crítica social da emigración.

Escritoras galegas: Adios María, Xohana Torres

Marica Campo

Mestra, escritora e letrista para o mítico grupo Fuxan os ventos, Marica Campo ten unha ampla traxectoria tanto en poesía como en teatro ou novela, pero a obra que lle deu a fama foi a recopilación de relatos Confusión e morte de María Balteira. Neles podemos ler o entorno máis mítico das lendas galegas e do universo feminino.

Escritoras galegas: Confusión e morte de María Balteira, Marica Campo

María Victoria Moreno

Protagonista do Día das Letras Galegas o ano pasado. María Victoria Moreno non naceu en Galicia (fíxoo en Cáceres), pero considerouse pontevedresa desde que chegou á cidade aos 22 anos. E foi na lingua galega na que desenvolveu a súa carreira como editora, tradutora, profesora e escritora. «A miña historia co galego é unha historia de amor», dicía. A súa obra máis importante, moitas veces reeditada e traducida, é Anagnórise.

Escritoras galegas: Anagnórise, María Victoria Moreno

Úrsula Heinze

De orixe alemán pero residente en Galicia dende hai más de medio século, a súa traxectoria é moi prolífica, en publicacións e en premios. Escribe relatos, ensaio, novela, poesía e tamén traduce. Moi coñecida polas súas obras infantís e xuvenís, nós recomendamos a lectura dunha das súas últimas novelas: … e os domingos, un croissant. Úrsula escribiu esta novela mentres estaba ingresada nun psiquiátrico recuperándose dunha fonda depresión, que sentiremos xunto a ela nas páxinas da obra.

Escritoras galegas: ... e os domingos, un croissant, Úrsula Heinze

Yolanda Castaño

Polifacética e unha das caras máis coñecidas da literatura feminina galega actual, Yolanda Castaño comezou a escribir poesía sendo moi nova. Ademais da súa tarefa como crítica literaria e a participación en varias antoloxías poéticas, Yolanda ten publicado varios volúmenes en solitario. Nós recomendamos a súa última obra pola novidade que supón: o primeiro cómic poético en lingua galega, titulado O puño e a letra.

Escritoras galegas: O puño e a letra, Yolanda Castaño

Xosefa Goldar

Nada na Estrada en 1953 e profesora de Lingua e Literatura en Vigo, Xosefa Goldar é unha autora galega coñecida sobre todo pola súa novela No fío do tempo. Nela, a través do fío vertebrador do tempo como concepto, coñecemos uns personaxes cotiáns que nos farán reflexionar. A infancia da autora foi a principal inspiración para escribir a novela.

No fío do tempo, Xosefa Goldar

Carmen Panero

Licenciada en Filoloxía Xermánica, Carmen Panero dedica a súa vida a tres paixóns, sempre relacionadas cos libros: a docencia, a crítica literaria e a escritura. Da súa obra de ficción, eliximos Diario do mimo, un libro formado por unha ducia de relatos breves con forma de diario que relata o proceso de maduración vital dunha muller, desde a infancia ata a morte.

Diario do mimo, Carmen Panero

Marilar Aleixandre

Membro da RAG, Marilar Aleixandre ten una traxectoria salientable no terreo da literatura infantil e xuvenil. E que mellor idea para celebrar o Día das Letras Galegas que regalar algún dos seus libros ás nenas (e nenos) da nosa vida. A expedición do Pacífico, por exemplo, que foi seleccionada como unha das cen mellores obras xuvenís do século XX.

A expedición do Pacífico, Marilar Aleixandre

María do Carme Kruckenberg

Membro da chamada Xeración de Enlace, María do Carme Kruckenberg foi unha das máis importantes escritoras galegas de posguerra. Intimista e popular, herdeira da tradición rosaliana, deixou á súa morte en 2015 un enorme legado de obras narrativas e poéticas. Podemos coñecela con O morto asesinado e outros contos, un conxunto de quince relatos breves ilustrados sobre a vida e a xente.

O morto asasinado e outros contos, María do Carme Kruckenberg

2 respuestas a «Día das Letras Galegas: 17 escritoras galegas e un libro para descubrilas»

  1. Gustoume monto esta web, teño que buscar unha ciudad para o meu colegio de escritoras e isto axudoume moito. Chámome Martina e teño 10 anos. Chao ?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte + 2 =